As obras diante do Hospital obrigan a cambiar o percorrido da Cabalgata de Reis
Por Redacción
As obras que se están a realizar diante do Hospital Provincial na rúa Loureiro Crespo obrigaron aos organizadores da Cabalgata de Reis a cambiar o seu percorrido habitual. Ante a imposibilidade de pasar por esa rúa, Melchor, Gaspar e Baltasar non sairán do punto habitual, senón que o seu itinerario sairá da rúa Eduardo Pondal e seguirá por Uxío Novoneyra e Cobián Areal para, xa en Benito Corbal, incorporarse á ruta habitual en dirección á praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda.
A cabalgata realizarase, coma sempre, na tarde do 5 de xaneiro, pero os Reis Magos chegarán á cidade xa pola mañá cargados de caramelos que, por primeira vez, serán sen azucre e sen glute. Todos os que se repartirán na recepción real do Pazo de Mugartegui serán aptos para personas con celiaquía e diabete, pero na cabalgata xa non terán estas características. A concelleira de Festas, Carme da Silva, asegurou que aos Reis non lles deu tempo a xuntar todos os caramelos desexados do primeiro tipo, pero intentarase para o ano que ven.
A visita de Melchor, Gaspar e Baltasar será unha das últimas da completa programación do Nadal do Concello de Pontevedra, que comezará xa este venres 18 de decembro e se prolongará ata despois do 6 de xaneiro e este ano terá, como actividade estrela, a instalación na praza de España e o paseo de Montero Ríos dunha tirolina de 100 metros e un rochódromo. Formarán parte das iniciativas de Pontexogos, unha alternativa de ocio infantil e, este ano, tamén para adultos, na que poderán participar todos aqueles que aporten xustificantes de compras no negocio pontevedrés.
Pontedexogos estará aberto entre este venres 18 e o 4 de xaneiro e incluirá tamén unha serie de retos aos participantes: percorrer a cidade (ginkana), Coñece Pontexogos, Coñece o teu comercio, Onde atoparías? Bingo, O prezo xusto, Inocente! e Super reto.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, que presentou a programación acompañando a Da Silva e as asociacións Aempe e CCU Zona Monumental, destacou que, un ano máis, búscase refozar as actividades de lecer no Nadal pontevedrés como respaldo á actividade comercial, pois lecer e promoción do comecio local van da man.
Ademais, Nadalocio abrirá de novo no Recinto Feiral da Xunqueira e un ano máis contará unha pista de xeo, ademais do parque de ocio, unha zona de ludoteca con inchables para nenos e nenas de menos menores de seis anos, un espazo de ocio infantil para nenos máis grandes, un trampolín jumpers e unha pista de kart no exterior. Estará aberto dende o 18 ao 10 de xaneiro, agás o día 5 que estará pechado. A entrada ao recinto custa un euro e estará aberto desde as 16.30 horas ata as 23 horas, aínda que os horarios mudan segundo a actividades, que teñen custes distintos.
Dentro das actividades para a promoción do comercio local, destacan as novas propostas do proxecto Ponteveda Capital Shopping. Distintas áreas comerciais da cidade arrancan a campaña de Nadal este venres cunha xornada lúdica na que ademais se estende o horario de apertura das tendas co fin de que a xente vaia elixindo e comprando agasallos. Serán na rúa Rosalía de Castro con Noite de Ilusión e nas Galerías Oliva e o día 23 de decembro haberá unha xornada de actividades infantís na Galería Centro Azul (a que une as rúas Joaquín Costa e Cruz Gallastegui).
Relacionadas:
-
A Cabalgata de Reis estrea percorrido e operativo de tráfico en 2016
Por Redacción |
-
Regalas un amplificador de móbiles? Atopáchelo: Pontenadal
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia |
-
Un Nadal desde as alturas
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Quince anos regalando artesanía
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Pontevedra, capital shopping tamén en Vigo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Verdura tamén é Capital Shopping
Por Redacción |