O xulgado obriga a readmitir unha traballadora de limpeza do campus que denunciara represión sindical
Por Redacción
O Xulgado do Social número 3 de Pontevedra deu a razón a unha das dúas traballadoras da empresa encargada da limpeza no campus que nos últimos meses denunciaron publicamente un caso de represión sindical que derivou no seu despedimento. Unha sentenza obriga á empresa, Star Services, a readmitir a unha das dúas empregadas.
A traballadora que agora deberá ser readmitida traballaba na Casa das Campás, reclamara un aumento de xornada e a empresa despediuna alegando "baixo rendemento". Ela presentou unha demanda co respaldo do sindicato CC.OO., do que fora candidata nas últimas eleccións sindicais na empresa. Non saíra elixida.
Segundo a sentenza da que se fai eco o sindicato, o xulgado obriga a Star Services a indemnizar á traballadora por danos morais e CC.OO. interpreta que "dá por demostrado que existiu persecución sindical".
Desde o sindicato aplauden a sentenza e indican que "reafirma que unha vez máis a xustiza tenlle que parar os pés ás empresas que, servíndose de adxudicacións públicas que se conseguen á baixa, ven na represión e no abuso aos traballadores a única maneira de rendibilizar os contratos públicos adxudicados".
Nos últimos meses esta traballadora e unha compañeira denunciaron que as despediron porque "eran un encordio para a empresa", xa que ambas as dúas se presentaron ás eleccións sindicais como representantes de Comisións Obreiras.