Inician as protestas para reclamar a readmisión de dúas traballadoras da limpeza no campus
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Despedíronas porque "eran un incordio para a empresa", así llo manifestou a dirección de Star Services, entidade que se ocupa da limpeza no campus de Pontevedra, a Ana Amoedo, unha das dúas traballadoras que foi despedida recentemente e que está pendente da celebración do xuízo no que reclama a nulidade dese despedimento alegando represión sindical.
Tanto ela como Carmen Tomé presentáronse ás eleccións sindicais como representantes de Comisiones Obreras mentres que, segundo o secretario comarcal deste sindicato José Luís García Pedrosa, a empresa promovía unha candidatura independente. Ana Amoedo ademais presentou unha demanda porque a empresa desde xuño de 2014 non lle facilitaba o papel da nómina escusándose en que non tiña correo electrónico para enviarlla.
A propia dirección de Star Services recoñecíalles a improcedencia do despedimento na carta que lle entregaban o último día de traballo. "Para nós o despedimento supón moito porque temos 50 e pico anos", afirma Carmen Tomei. As dúas traballan media xornada sumando unha hora en Star Services e tres noutra empresa de limpeza. Ao restarlle esta hora aseguran que quedan "sen nada de cara ao futuro".
Por este motivo, desde o sindicato Comisiones Obreras iniciouse un calendario de protestas. A primeira tivo lugar este mércores 14 ante a Casa das Campás, como edificio representativo da Universidade de Vigo. García Pedrosa sinalou que a Universidade debería intervir neste conflito para evitar que a empresa concesionaria deste servizo actúe desta forma coas traballadoras. O secretario comarcal de Comisiones Obreras indica que desde Star Services actúase desta forma coa intención de descolgarse do convenio provincial de limpeza, que saíu hoxe publicado no Boletín Oficial da Provincia, para negociar un convenio de empresa con outro tipo de medidas para as máis de 20 empregadas que traballan no campus pontevedrés.