Leonor deixa o cole, "se fose a princesa converteríase nunha cuestión de Estado pero como é xitana non lle importa a ninguén"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Máis da metade dos nenos xitanos que acoden á escola non terminan os seus estudos, un dato moi procupante. María José Obelleiro, responsable da Fundación Secretariado Xitano en Pontevedra, sinalou que as nenas e nenos xitanos teñen os mesmos dereitos que calquera outro menor, pero teñen menos oportunidades de poder cumprilos.
É o caso de Leonor, unha nena galega, xitana, que protagoniza a campaña de sensibilización posta en marcha pola Fundación.
María José Obelleiro explicou nunha rolda de prensa no Concello de Pontevedra que una das causas do abandono escolar entre xitanos é precisamente a falta de referentes na súa contorna.
A educación é clave para acabar coa exclusión social, por este motivo púxose en marcha un programa de seguimento escolar e compensación educativa externa para a comunidade xitana de Pontevedra, que se estima que supera as 800 persoas.
O obxectivo é "reducir o absentismo escolar e mellorar o éxito academico do alumnado xitano", sinalou María José Obelleiro. Para iso puxéronse en marcha aulas de reforzo e accións de mediación familiar, en 12 centros educativos, traballando cun total de 68 alumnos dun total de 44 familias.
O Concello pon a dispor da Fundación instalacións na Casa Azul e ademais conta este cun orzamento municipal de 23.650 euros.