190 colexios e institutos pontevedreses asinan contratos-programa coa Xunta, o triplo que hai seis cursos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Un total de 190 colexios e institutos asinaron este martes os contratos-programa, co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. O número de contratos asinados hoxe supón o triple que hai seis cursos.
Estes 190 centros de ensino públicos desenvolverán un total de 434 iniciativas diferentes nas seis liñas diferentes de actuación que compoñen a convocatoria: acompañamento escolar fóra do horario lectivo, mellora das competencias clave, mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e mellora da calidade na xestión dos centros.
Un total de 102 docentes de apoio foron contratados a maiores pola Consellería para tal fin
A liña de actuación máis solicitada continúa a ser o acompañamento escolar fóra do horario lectivo, que pretente reforzar, orientar e apoiar ao alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural. Un total de 102 docentes de apoio foron contratados a maiores pola Consellería para tal fin, un 18% máis ca o curso pasado.
Román Rodríguez destacou que os contratos-programas "procuran unha mellora da calidade do ensino" para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento.
Para iso, cada centro de ensino analiza as súas eivas e fortalezas e propón á administración educativa a sinatura dun documento , o contrato-programa, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.
"Esta iniciativa constitúe unha das principais liñas de actuación da Consellería", afirmou Román Rodríguez.
O acto, desenvolvido na delegación territorial da Xunta en Pontevedra, participaron tamén o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares, entre outras autoridades.
Antes da firma dos contratos programa docentes e políticos participaron nunha concentración para expresar o seu rexeitamento ao asasinato da última vítima da violencia de xénero, Virginia, unha veciña do Carballiño a mans do seu marido.