O contrato da auga abre unha nova polémica entre o goberno de Ponte Caldelas e a oposición
Por Redacción
Novo enfrontamento en Ponte Caldelas entre o grupo municipal do PP que conforma a oposición e o grupo de goberno liderado polo socialista Andrés Díaz. Nesta ocasión, o debate céntrase no contrato da auga para 2016.
O grupo de goberno insiste en que o seu compromiso é rebaixar o custo da auga potable aos veciños que están conectados á traída municipal e, nese sentido, afirma que se están facendo as xestións que poidan modificar a ordenanza para o próximo ano. A empresa concesionaria do servizo de lectura dos contadores finaliza o contrato o 31 de decembro e o goberno local sinala que se ve obrigado a sacar a concurso público este traballo polo prazo dun ano cun prezo máximo, que espera poder mellorar, igual ao que se estaba cobrando por parte da empresa que desenvolvía estes labores.
O alcalde indica que se realizará o concurso coa máxima transparencia, a diferenza do que sucedía co anterior goberno popular, apunta Andrés Díaz. E lembra que "o expediente de contratación asinado con Aquagest por Perfecto Rodríguez segue estando baixo estudo da xuíza De Lara, dentro da Operación Pokemon".
Sinala que os condicionantes legais derivados do orzamento e dos ingresos impiden variar esta ordenanza ata o próximo ano.
CRÍTICAS DO GRUPO MUNICIPAL DO PP
Por outra banda, os populares inciden en que o programa electoral do PSOE prometía levar o servizo de augas con persoal municipal e acusaban ao anterior goberno de privatizar esta actividade. Por ese motivo critican que agora se vaia a seguir cobrando a auga atendendo ao consumo real de cada vivenda, cos mesmos tramos e taxas anteriores, e que se recurra a unha nova concesión.
Engaden que as condicións económicas do novo contrato son exactamente as mesmas do actual de Viaqua, afirmando que todas as críticas realizadas polo alcalde actual a ese contrato son totalmente inxustificadas.
Relacionadas:
-
O goberno local de Ponte Caldelas advirte que a "pasividade" da Xunta está a "soliviantar" aos veciños
Por Redacción |
-
O PP de Ponte Caldelas considera unha "temeridade" a retirada dos bolardos nas beirarrúas da vila
Por Redacción |
-
Andrés Díaz recórdalle ao PP que o novo céspede de Chan da Barcia foi unha promesa "incumprida" por Louzán
Por Redacción |
-
O PP de Ponte Caldelas pide a renovación do céspede artificial do campo de fútbol municipal
Por Redacción |