Denuncian un roubo nunha casa en obras en Campañó
Por Redacción
Os roubos no rural de Pontevedra teñen un novo escenario, a parroquia de Campañó. Na tarde deste luns, un veciño presentou unha denuncia na Comisaría Provincial por un roubo nunha casa en obras da que lle levaron material de obra tras forzar o acceso a través dunha xanela.
Fontes policiais indicaron que o roubo se produciu nalgún momento da fin de semana. Na casa non vive ninguén, pois está en construción, pero o dono acudiu á primeira hora do domingo e atopouse con que alguén retirara as táboas de madeira que utilizaba para tapar unha xanela da casa mentres está en obras.
Unha vez dentro, botou en falta dúas máquinas rebarbadoras que utilizaban para facer traballos na vivenda, de modo que puxo os feitos en coñecemento da Policía Nacional. Axentes do Corpo desprazáronse ata Campañó e abriuse unha investigación para aclarar o sucedido e localizar ao autor. Este luns, ao día seguinte, o dono confirmou a denuncia.
Este roubo en Campañó chega tras varias semanas con roubos en vivendas deshabitadas e dúas semanas nas que houbo roubos en casa habitadas nas parroquias de Salcedo e Marcón.