Investigan tres roubos durante a fin de semana en casas habitadas de Salcedo
Por Natalia Puga
Os ladróns seguen cebándose co rural de Pontevedra. Tras varias semanas nas que se sucederon os roubos en vivendas deshabitadas, polos que o suposto autor foi detido e quedou en liberdade varias veces, nos últimos días rexistráronse tamén roubos en casas habitadas. Ao longo da fin de semana, chegaron á parroquia de Salcedo e nos días previos hai constancia de sucesos en Marcón.
Fontes policiais confirmaron que os donos de tres casas da zona de Salcedo formalizaron as súas denuncias na Comisaría da Policía Nacional indicando que alguén entrara nas súas propiedades entre o venres e o domingo. Ocorreu nas zonas da Carballeira e Muimenta e nun lugar moi próximo a Figueirido e nos tres casos os ladróns entraron utilizando o mesmo método.
Nos tres casos, os ladróns aproveitaron un momento en que non estaban para forzar unha xanela, entrar e levar diñeiro e xoias, segundo consta nas denuncias presentadas e que xa están a ser investigadas.
O mesmo método tamén o utilizaron nunha casa de Marcón, en concreto no lugar de Pintos. Neste caso, o roubo xa foi previo, do domingo 23, pero os donos da casa non acudiron a denunciar ata o día 25 de novembro. Segundo confirmaron fontes veciñais, tras forzar unha xanela, leváronlles xoias e 480 euros en metálico.