Investigan por un delito de lesións a dúas das mozas implicadas na agresión da rúa Laranxo
Por Redacción
Durante este mércores 25 e na xornada deste pasado martes 24 prestaron declaración na Comisaría Provincial da Policía Nacional dúas das mozas implicadas na brutal agresión que se produciu na mañá do domingo 22 na rúa Laranxo.
A primeira delas responde ao nome de Amalia, - como se escoita no vídeo que unha das testemuñas gravou e que posteriormente se subiu ás redes sociais converténdose en viral -, acudíu ás dependencias policiais acompañada de avogado. A moza, de 25 anos, residente nesta capital e con antecedentes policiais, prestou declaración por un delito de lesións. Representación legal que tamén levou a moza que declarou este mércores.
Mentres tanto a policía segue a traballar na identificación da terceira moza que tamén estaba implicada no ataque e que nin denunciante nin investigadas afirman coñecer.
A actuación aberta responde á denuncia que o mozo agredido, de 21 anos, presentou na Comisaría despois de recibir atención médica no Centro de Saúde da Parda. Un parte no que deixaron constancia de feridas incisas, contusións e un traumatismo cranial leve. O mozo relatou que fora obxecto do embate por parte das mozas, aínda que só coñecía a unha delas.
Segundo as fontes consultadas, tamén a moza que declarou en primeiro lugar coñecía ao mozo dende había algunhas fins de semana, e tiñan rifas anteriores; na súa versión, sinala que foi o home o que estando dentro de La Posada Indiana iniciou un enfrontamento tanto verbal como físico. Xa fóra do local produciuse a agresión, na que foi auxiliado por outros mozos que se atopaban na rúa Laranxo.