Quedan a disposición xudicial as tres investigadas na agresión da rúa Laranxo
Por Redacción
A agresión rexistrada o pasado domingo 22 na rúa Laranxo pasará en breve a mans do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra e unha vez que se conclúan algúns trámites pendentes nas instancias policiais. Na tarde deste mércores 25 prestaba declaración na Comisaría Provincial a terceira das mozas que se viron implicadas no violento incidente e que faltaba por ser identificada. Do mesmo xeito que as dúas mozas anteriores, tamén acudiu ás dependencias policiais acompañada de avogado.
De igual forma, a súa declaración discorreu en termos semellantes ás dúas primeiras, responsabilizando ao mozo de 21 anos de empuxar a unha delas e por tanto de comezar a disputa. Quedou ratificado ademais que existían rifas previas entre as dúas partes.
O testemuño das tres mozas investigadas, xunto ao do mozo agredido e denunciante dos feitos; así como o vídeo en que se recollen uns minutos da agresión serán remitidos ao Xulgado para que este continúe coas dilixencias. Todas elas enfróntanse a un delito de lesións leves. Tras as súas respectivas declaracións quedaban en liberdade a expensas de ser citadas polo xuíz.