Axentes de Aduanas entran no Concello de Pontevedra para reclamar documentación de Aquagest
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño & Cristina Saiz
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) acudiron na mañá deste mércores ao Concello de Pontevedra para reclamar, por orde xudicial, documentación relativa á empresa Aquagest, que actualmente pasou a chamarse Viaqua, pero segue prestando o servizo como concesionaria do servizo municipal de auga.
Dous funcionarios de Aduanas chegaron ao Concello sobre as 10.00 horas por orde do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, que dirixe a xuíza Pilar de Lara, a mesma que leva a investigación da operación contra a corrupción política 'Pokemon', con orde de levar unha serie de documentación que foi reunida polos funcionarios municipais de Pontevedra tanto no edificio da rúa Michelena 30 como no arquivo municipal da rúa Alfonso XIII.
Os axentes do SVA permaneceron ata as once da noite nas dependencias de Secretaría e Intervención, onde recolleron a documentación que lle foron facilitando os traballadores do Concello. Ante o volume da información solicitada, operarios municipais colaboraron coa retirada de todos estes expedientes.
Fontes municipais confirmaron que a a orde xudicial reclamaba todos os contratos e prórrogas, en caso de existir, que asinara o Concello de Pontevedra co grupo Aguas de Barcelona desde o ano 2009, así como a facturación con empresas do grupo desde o ano 2009 e a facturación do Concello coa empresa de transporte de viaxeiros Viúda de Cándido desde ese mesmo ano 2009.
No caso de Aguas de Barcelona, grupo ao que pertence Aquagest, desde o Concello indican que tan só existen contratos con Aquagest e que se trata dun único contrato asinado no ano 1997 e vixente ata 2017.
Os funcionarios de Aduanas non realizaron un rexistro físico, pois limitáronse á solicitar a entrega da documentación presente no Concello. Tiñan orde xudicial de non abandonar o Concello de Pontevedra ata que lle foran entregados todos os expedientes reclamados. Niso traballaron unha vintena de persoas do servizo de Intervención, para facilitar o labor dos axentes, buscando factura a factura para cumprir coas peticións de Audanas.
A diferenza do que pensaban os axentes, a documentación está arquivada por periodos -anuais, semestrais, trimestrais ou mensuais- e non por empresas, o que implicou que os funcionarios municipales deberon revisar todas as facturas para localizar as das empresas solicitadas
A presenza destes axentes en Pontevedra realizouse no marco da operación Pokemon, pero nunha peza separada aberta no ano 2014 para investigar as actuacións relativas á empresa Aquagest.
No marco da operación Pokemon a xuíza De Lara xa solicitou documentación no ano 2013 noutros concellos da comarca como Ponte Caldelas ou Marín en relación cos seus contratos de servizos con esta mesma compañía.
Ademais de Pontevedra, segundo publica El País, tamén se produciron rexistros nos concellos asturianos de Oviedo e Salas, reclamando varios expedientes que gardan relación con contratos vinculados á empresa Aquagest.
Relacionadas:
-
Pontevedra recupera as facturas requiridas por Pilar de Lara para investigar a Aquagest
Por Alejandro Espiño |
-
O PP denuncia que o Concello lle nega o acceso á documentación relativa a Aquagest
Por Alejandro Espiño |
-
Aduanas busca expedientes de Aquagest no Concello de Poio por orde da xuíza da Pokemon
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Carmela Silva asume como súas as declaracións de Lores sobre a Pokemon
Por Redacción |
-
Legísima lamenta o "dano mediático" da investigación sobre Aquagest: "No Concello ningúen esconde nada"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
"Que investiguen todo o que queiran. Non van atopar nada delictivo no meu comportamento"
Por Alejandro Espiño |
-
Pilar de Lara autoriza a Aduanas a investigar a actividade económica e fiscal de Lores
Por Redacción |
-
Tranquilidade no goberno municipal ante o rexistro ordenado pola xuíza Pilar de Lara
Por Alejandro Espiño |