Pontevedra recupera as facturas requiridas por Pilar de Lara para investigar a Aquagest
Por Alejandro Espiño
Case ano e medio despois de que os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira entrasen no Concello de Pontevedra, por orde da xuíza Pilar de Lara, para reclamar diversas facturas relacionadas coa empresa Aquagest, puidéronse recuperar os expedientes que se remitiron ao xulgado de instrución número 1 de Lugo.
Funcionarios municipais traballan xa para desembalar as caixas que chegaron este xoves ás dependencias administrativas de Michelena 30. Nelas, viñan os 323 tomos que documentación que levaron os axentes para examinar ao redor de 600 facturas, tanto de gastos como de ingresos.
A orde xudicial reclamaba todos os contratos e prórrogas, en caso de existir, que asinara o Concello de Pontevedra con Aquagest desde o ano 2009, así como a facturación con empresas do grupo desde o ano 2009 e a facturación do Concello coa empresa de transporte de viaxeiros Viúda de Cándido desde ese mesmo ano 2009.
Desde o goberno municipal explican que hai un mes solicitouse ao xulgado a devolución de toda esta documentación, ao entender que a súa ausencia estaba a provocar lixeiras disfuncións na actividade administrativa do Concello, especialmente á hora de xustificar subvencións ou axudas.
A presenza destes axentes en Pontevedra realizouse no marco da operación Pokemon, pero nunha peza separada aberta no ano 2014 para investigar as actuacións relativas á empresa Aquagest.
A pesar do rechamante que resultou esta entrada no Concello, a xuíza non abriu procedemento algún con respecto á información requirida a Pontevedra nin tampouco chamou a declarar a ningún funcionario, técnico ou político municipal.
Relacionadas:
-
Legísima lamenta o "dano mediático" da investigación sobre Aquagest: "No Concello ningúen esconde nada"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
"Que investiguen todo o que queiran. Non van atopar nada delictivo no meu comportamento"
Por Alejandro Espiño |
-
Axentes de Aduanas entran no Concello de Pontevedra para reclamar documentación de Aquagest
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño & Cristina Saiz | Creada e actualizada