Lores aclara que a súa entrada na candidatura de Nós ao Congreso só é simbólica
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra quedou segundo na lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra nas primarias convocadas este domingo por Iniciativa pola Unión (IpU), forza relacionada directamente co BNG. Miguel Anxo Fernández Lores situouse por detrás de Carme Adán pero, na mañá deste luns 9, o rexedor quixo aclarar que está "encantado de ser alcalde de Pontevedra" e que a súa candidatura a esta lista só realizouna para axudar a transmitir á poboación a importancia que ten a cita electoral de decembro.
Neste sentido, Fernández Lores incidiu na necesidade de que o BNG teña representación no Congreso ao entender que cando se fala de Galicia en Madrid é porque está a forza nacionalista nas Cortes.
O alcalde pontevedrés indicou que a súa intervención nesta lista será simbólica ata o punto de querer figurar pechándoa. Fernández Lores agradeceu que o votasen porque iso significa "que os compañeiros che queren ben" e que espera que a súa presenza poida influír para que os cidadáns voten polo nacionalismo e pola candidatura galega.