Campaña porta a porta do PSOE e mitin á inversa do PP en Marín
Por Redacción
Nunhas eleccións xerais tan disputadas como as do próximo 20 de decembro, os partidos políticos optaron por agudizar o enxeño para pelexar ata o último voto. Atrás quedan os tradicionais actos de campaña e, aos poucos, búscase atraer a atención do votante con novas fórmulas. Dous exemplos vivíronse esta fin de semana en Pontevedra e Marín, da man de PSdeG-PSOE e Partido Popular.
Os socialistas, con Guillermo Meijón -número dous da candidatura ao Congreso pola provincia de Pontevedra- á cabeza, protagonizaron unha campaña porta a porta por diferentes barrios da cidade.
En concreto, pasaron polos barrios de San Roque, Paseo de Colón e As Corbaceiras para explicar aos veciños nas súas casas as propostas que inclúen no seu programa electoral para esta cita coas urnas. O obxectivo é combater a abstención e que os votantes de esquerdas identifiquen ao PSOE como a única alternativa seria de goberno ao Partido Popular de Mariano Rajoy.
Pola súa banda, os candidatos do PP de Pontevedra ao Congreso e ao Senado, Ana Pastor, Miguel Fidalgo, Marta Lucio e Irene Garrido, asistiron a un mitin á inversa organizado por Novas Xeracións en Marín.
Tratouse dun coloquio coas mocidades populares, un debate no que os membros deste colectivo expuxeron as súas demandas e necesidades, que foron escoitadas e comentadas polos candidatos do Partido Popular. Neste sentido, Ana Pastor pediu a implicación da mocidade pontevedresa para que Mariano Rajoy continúe como presidente durante o próximos catro anos.
Relacionadas:
-
Comeza o camiño cara a Moncloa
Por Redacción |
-
Ciudadanos presenta en Pontevedra aos seus candidatos ao Congreso e o Senado para o 20-D
Por Redacción |
-
Anova propón á viguesa Alexandra Fernández como cabeza de lista de En Marea para Pontevedra
Por Redacción |
-
Lores aclara que a súa entrada na candidatura de Nós ao Congreso só é simbólica
Por Redacción |