Todos a tapear por Pontevedra!
Un total de 53 establecementos hostaleiros, o maior número dos últimos anos, participarán do 12 ao 22 de novembro na oitava edición do certame gastronómico Pontedetapas. Un evento que chega, un ano máis co obxectivo de mostrar o "alto nivel" da hostalería da cidade, que segundo destacou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, logrou atopar un equilibrio perfecto entre a modernidade e a tradición.
De novo, os hostaleiros pontevedreses competirán nas modalidades de tapa creativa, tapa tradicional e cócteles. Pero engádese unha novidade, a tapa Pontevedra. O público decidirá cos seus votos cal destas saborosas creacións gastronómicas é a que mellor representa o "sabor da cidade". Será esta a que represente a Pontevedra no certame autonómico De tapas por Galicia, organizado por Turgalicia.
A concurso haberá 25 tapas tradicionais, 34 tapas creativas e 14 cócteles. Haberá total liberdade creativa para deseñar estas propostas.
Cada tapa, a petición dos propios hostaleiros, terá un prezo de dous euros -fronte aos 1,50 euros dos últimos anos-; mentres que cada cóctel custará tres euros.
O xurado profesional será o encargado de outorgar os premios á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e ao mellor cóctel.
Estará presidido por Pepe Solla e contará con Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza; José Soto, director de hostalería do Casino de La Toja e pioneiro no mundo da coctelería galega; Yolanda Castaño, poetisa e escritora do libro Cociñando a pé da letra; Faustino Batallán, cofundador de Galicia Gastro; e Kike García Cerviño, responsable de La alacena roja, revista especializada en gastronomía e turismo.
Os gañadores recibirán unha masterclass da man de Pepe Solla nas instalacións do CIFP Carlos Oroza.
MÁIS NOVIDADES
Ademais, haberá un 'pasaporte Pontedetapas' que recollerá todos os locais participantes. Aqueles clientes que consuman en todos eles e selen esta cartilla recibirán como premio unha cea para dúas persoas en calquera dos establecementos, valorada en 60 euros.
Tamén se editará un catálogo que recollerá as tapas que os hostaleiros presenten ao concurso, que serán retratadas por un fotógrafo especializado en gastronomía.
Relacionadas:
-
Rubén González e Sergio Orge representarán a Pontevedra na final do certame De Tapas por Galicia
Por Redacción |
-
Pontedetapas 2016 manterase en novembro pero estenderase a tres fines de semana completas
Por Redacción |
-
Casa Román, El Cafetín de la Alameda e PTV, premios Pontedetapas 2015
Por Cristina Saiz |
-
Once días por diante para gozar da creatividade culinaria da hostalería local
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Pontedetapas adianta a mediados de novembro a súa oitava edición
Por Alejandro Espiño |
-
El Cafetín, sen premio no concurso "De tapas por Galicia"
Por Redacción |
-
Pontevedra tamén 'namora' a Fitur co seu aclamado potencial gastronómico
Por Redacción |