O Concello asina co Banco Sabadell un crédito de case tres millóns de euros
Por Alejandro Espiño
A partir deste xoves, o Concello de Pontevedra poderá realizar novos investimentos con cargo aos 2.885.000 euros que forman parte do crédito que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou en nome do goberno municipal co Banco Sabadell-Gallego.
Este préstamo, recollido xa nos orzamentos municipais de 2015, ten un diferencial do 0,52% e un tipo de intereses efectivo do 0,45%.
Estas condicións vantaxosas que ofertou a entidade bancaria no concurso público celebrado para a contratación do crédito demostran, segundo o alcalde, que "somos un cliente fiable que paga en tempo e forma". A do Banco Sabadell foi, en todo caso, a mellor oferta das presentadas e conta cos informes pertinentes de Intervención e Secretaría.
Os cartos do préstamo servirán para executar distintas obras antes de que remate o ano e para financiar algunhas actuacións no 2016.
Así, 1.100.000 euros destinaranse á mellora da accesibilidade urbana e rural, 635.000 euros á rehabilitación integral de rúas, 500.000 euros á nova cuberta do Pavillón Municipal dos Deportes, 300.000 euros ao convenio con Acuaes para o novo abastecemento de auga, 200.000 euros á rede de sumidoiros e 150.000 euros a edificios e outras construcións.
A contía do crédito é moi similar ao que o goberno municipal ten previsto solicitar no ano 2016 e que está incluído xa no borrador dos orzamentos para o próximo exercicio.