Salcedo estrea a súa nova Casa da Cultura
Por Redacción & Diego Torrado
Os veciños de Salcedo xa poden gozar da súa nova Casa da Cultura. Un acto aberto a toda a parroquia serviu como inauguración dun centro social no que o Concello de Pontevedra vén de investir un total de 708.522,74 euros.
Á inauguración, que tivo lugar na tarde deste sábado, estaban invitados todos os colectivos e asociacións de Salcedo e, ademais das intervencións de veciños da parroquia ou do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, contou coa actuación do dúo de arpa formado por Paula Oanes e Lorena Reinaldo.
A nova Casa da Cultura ten unha superficie de 650 metros cadrados que inclúen zonas de estancia ou reunións, baños, espazo para obradoiros e dúas salas amplas con paredes móbiles que permite crear un espazo de escenario e platea, no caso de darse algunha representación.
Ademais, a fachada tamén se abre ao exterior de tal xeito que a platea pode ampliarse ata ter unha capacidade de varios centos de persoas.
O edificio está totalmente equipado con mobles, equipos audiovisuais, informática ou electrodomésticos e tamén está totalmente urbanizado o exterior, contribuíndo a crear o núcleo de centralidade parroquial na zona na que se atopan os colexios, a Casa da Música, a Casa do Monte e o novo parque infantil. Tamén está ao carón da igrexa e do cemiterio.
Precisamente a reurbanización de toda esta contorna desde o cemiterio ata a Casa da Música, será outro dos proxectos que se executará en breve e terá un custe superior aos 300.000 euros.