O modelo urbano de Pontevedra amplíase ata Salcedo
Por Alejandro Espiño
Salcedo será a primeira parroquia que verá, neste novo mandato, como os estándares de calidade urbana da cidade se trasladan tamén ao rural pontevedrés. Será cun novo núcleo de centralidade que xirará en torno ao novo centro social que se está a construír na zona. Trátase dun espazo duns 6.000 metros cadrados, na que se prevé un ambicioso proxecto que será redactado nas próximas semanas.
Segundo Demetrio Gómez Junquera, concelleiro delegado do Rural, Salcedo ten un núcleo "ben definido" porque nunha área non demasiado grande conta con dous colexios, a igrexa e o cemiterio, o novo centro social, a casa de montes, o local no que ensaia a Banda de Música de Salcedo ou o pavillón. "Está todo unido e queremos crear un único espazo", dixo, fusionando varias rúas e prazas.
En toda esta zona actuarase "cos mesmos criterios" que nas obras de humanización que se foi facendo no centro da cidade. O edil nacionalista explicou que o proxecto apostará por contar coa "máxima calidade" nos materiais e os acabados, por aplicar medidas de calmado de tráfico, por poñer en valor os recursos da propia parroquia e por priorizar o tráfico peonil en todo este ámbito.
Aínda que os detalles técnicos deberán ser agora ultimados polo arquitecto municipal, antes de poder sacar a licitación esta obra, Demetrio Gómez Junquera explicou que o vial que pasa por diante do cemiterio será humanizado e contará con varios 'lombos', mentres que arredor do centro social se creará unha gran praza que contará con chan de formigón de cor crema "sen barreiras" e que terá continuidade polas beirarrúas da estrada.
Ademais, crearase unha especie de bancadas ou patio de butacas ao aire libre aliñado co propio centro social, o que permitirá crear un auditorio para unhas 700 persoas para celebrar nel calquera tipo de actividade lúdica, cultural ou festiva e á que poidan acudir "son só os veciños de Salcedo senón de calquera lugar de Pontevedra", xa que recordou que toda esta zona está situada a tan só dous quilómetros do centro da cidade.
Todo este proxecto que aínda non está cuantificado, pero "non será barato" segundo o edil do BNG, conta coa colaboración da comunidade de montes de Salcedo que cede os terreos para que se poida levar a cabo. O seu presidente, Fernando Pintos, destacou que con esta actuación os veciños "teremos unha maior calidade de vida" mellorando a comunicación e os "vínculos de unión" entre eles.
Pintos afirmou que obras así "fan que o rural siga vivo" e fará que Salcedo "se dinamice". Ademais, augurou que este proxecto de reurbanización integral "vai a ser unha referencia" para o resto das parroquias do rural pontevedrés.
Relacionadas:
-
Salcedo estrea a súa nova Casa da Cultura
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra explica o seu modelo urbano en Xixón e Zaragoza
Por Redacción |
-
O BNG levará no seu programa expandir o modelo urbano "a todo o territorio municipal"
Por Redacción |
-
Agardan que a Casa da Cultura de Salcedo estea rematada no primeiro semestre de 2015
Por Alejandro Espiño |