Non chamen ao 112, é un simulacro
Por Mónica Patxot
Unha aparatosa colisión entre dous coches e unha bicicleta deixa varios feridos, unha delas embarazada, outra menor e unha boa parte atrapados entre o amasillo de ferros do seu turismo. O choque motivou que se mobilizasen ata o lugar do accidente numerosos medios da Policía Local, os Bombeiros e o 061, que realizaron o rescate e posterior traslado das vítimas.
Todo ocorreu a partir das 16.00 horas deste mércores no campus universitario de Pontevedra, pero os lectores poden estar tranquilos, os ocupantes dos tres vehículos eran actores do grupo de teatro de Belas Artes e todo foi un simulacro.
A actividade estreou o ciclo 0VV!: Cero violencia viaria, organizado polo Concello de Pontevedra, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e a Universidade de Vigo.