Os blogueiros gastronómicos galegos cítanse en Pontevedra
Por Redacción
A cidade de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 24 de outubro a quinta edición da reunión anual dos blogueiros gastronómicos de Galicia. Trátase dunha xornada de confraternización na que colaborarán empresas e organismos pontevedreses que están vinculados co sector da gastronomía.
"O pretexto da reunión é gozar da nosa afección común, confraternizar cos nosos compañeiros blogueiros, coñecernos, intercambiar experiencias e sobre todo gozar da boa mesa e a boa compañía", comenta Emilia Santiago, do blogue Cousas de Milia.
A xornada contará con varias actividades durante a mañá, nas que participarán Pesca de Rías, a Denominación de Orixe Rías Baixas, a Adega Viña Moraima, o Café Moderno e Supermercados Froiz.
Xoán Arco da Vella exercerá de guía polo centro histórico da cidade, que será onde se desenvolvan a maioría das actividades.
Ademais, o chef Ruben González do Cafetín preparará para todos eles un menú degustación con produtos de tempada.