WhatsApp ao volante, perigo constante
Por Alejandro Espiño
As novas tecnoloxías e os sistemas de mensaxería instantánea cambiaron a forma que temos de comunicarnos, pero ao mesmo tempo crearon unha serie de condutas nocivas que poden chegar a ser moi perigosas. Unha delas, é a de conducir mentres se utiliza o teléfono móbil ou algún dispositivo electrónico, unha distracción que aumenta notablemente o risco de sufrir un accidente de tráfico.
En España, segundo a Dirección Xeral de Tráfico, as distraccións son causa de accidente na metade dos accidentes con vítimas e o teléfono móbil ten cada vez maior peso como factor de risco. Unhas 10.000 persoas foron multadas en Galicia o pasado ano por usar o teléfono na condución, segundo os datos da DXT. É unha cifra que sobe cada ano. A multa leva un pago económico de 200 euros e a perda de tres puntos do carné de conducir.
Por iso, frear esta tendencia está na mente das autoridades. E tamén en Pontevedra, xa que a xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Linaje, advirte que se extremarán os controis neste sentido.
Así o avanzou este venres nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Pontevedra para presentar o ciclo 0VV!: Cero violencia viaria, destinado a universitarios, mozos de 15 a 28 anos que son, actualmente, un dos grupos de poboación de maior risco en materia de seguridade viaria. Só na provincia de Pontevedra faleceron cinco mozos en 2015, dous condutores e tres pasaxeiros dun dos vehículos.
Tamén haberá un coidado especial nos controis de velocidade e do consumo de drogas e alcol, sobre todo naquelas zonas que a DXT considera como puntos negros da rede viaria provincial. E "la impulsividad asociada a su juventud o al consumo de este tipo de sustancias" hai que sumar, segundo a xefa provincial, o risco que supón a súa "inexperiencia" ao volante. Un cóctel explosivo que hai que combater, sobre todo, con máis educación viaria.
Relacionadas:
-
O transporte escolar pontevedrés, obxecto dunha vixilancia especial esta semana
Por Redacción |
-
Un estudo municipal busca determinar se os mozos pontevedreses son adictos ao móbil e á Internet
Por Alejandro Espiño |
-
As vías convencionais pontevedresas, obxectivo da nova campaña de vixilancia da DGT
Por Redacción |
-
Para conseguir Cero Violencia Viaria, educación!
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |