Entregan 150 quilos de tapóns de plástico a Os Palleiros para as súas campañas solidarias
Por Redacción
Trece sacos de tapóns de plástico, cun peso aproximado de 150 quilos. É o que esta fin de semana entregou o Concello de Sanxenxo á plataforma protectora de animais Os Palleiros, coincidindo co Día Mundial dos Animais.
A entrega foi realizada pola concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba, que se desprazou este fin de semana ás instalacións que este colectivo ten en Campañó, colaborando desta forma co traballo altruísta que este colectivo vén desenvolvendo en defensa dos animais sen fogar.
Coral González-Haba, que se declara "animalista", quixo destacar o labor dun colectivo que xestiona na actualidade a alimentación e coidados de ao redor de 170 cans abandonados, garantíndolles ademais a atención veterinaria que necesitan.
González-Faba quixo que este ano o Concello de Sanxenxo achegase o seu granito de area para que Os Palleiros poidan facer fronte aos gastos do refuxio.
O departamento de Medio Ambiente entrega cada ano os tapóns recolleitos a un colectivo diferente, colaborando así nas diferentes campañas solidarias que estes desenvolven.
Todos os veciños que queiran apoialas poden facelo trasladando directamente os seus tapóns ás dependencias de Medio Ambiente en Vilalonga, ou depositándoos nos recipientes habilitados para iso nas diferentes oficinas municipais.
Relacionadas:
-
Todos desexan ser Kruggy
-
Os Palleiros ilustra o seu calendario 2016 con selfies de familias e cans adoptados
Por Redacción |
-
Kruggy atopa un novo fogar tras ser 'apadriñado' por Dani Rovira
Por Redacción |
-
Brutal lanzamento dun can sobre o valado da Protectora de Animais
Por Oskar Viéitez |
-
200 quilos de penso e salchichas para Os Palleiros
Por Redacción |