200 quilos de penso e salchichas para Os Palleiros
Por Redacción
200 quilos de alimentos xa foron parar ás reservas da protectora de animais Os Palleiros. Foi a cantidade recollida por Novas Xeracións do PP de Pontevedra durante a campaña de recollida de alimentos organizada durante a última semana.
Dende Novas Xeracións explican que os alimentos xa están na canceira dende este domingo, xornada na que se trasladaron ata as instalacións da protectora en Campañó para entregar o recadado e visitar a nova canceira despois da reforma integral realizada nos últimos meses con fondos municipais.
Os mozos do PP destacan que se trata dunha pequena axuda para unha organización que, dun xeito desinteresado, se implica no coidado dos cans abandonados no municipio e agradecen a colaboración dos cidadáns qe acudiron á sede a entregar sacos de penso, latas de comida húmida ou salchichas.
Malia que as condicións climatolóxicas impediron realizar o 'paseo palleiro' previsto para este domingo día 3 de maio, os integrantes de Novas Xeracións puideron sacar a pasear a algúns cans polas inmediacións do recinto. Este luns, tras facer balance, xa anuncian que "non dubidaremos en repetir" a experiencia.