Soprando unha candea por Tony
Por Diego Espiño
Segue en coma, pero experimenta "pequenos avances" desde o seu traslado, o pasado 7 de xuño, ao Institut Guttmann de Barcelona, un hospital especializado en neurorehabilitación.
É o caso de Tony, un mozo pontevedrés que con apenas 25 anos foi atropelado o pasado mes de febreiro na subida de Monte Porreiro, na madrugada do sábado de entroido.
Tras superar unha complicada operación de urxencia no Hospital Xeral de Vigo e varios meses de ingreso no Hospital Provinicial de Pontevedra, Tony loita por mellorar na Guttmann, a onde lle acompañaron os seus pais.
É só un dos casos que se tratan na prestixiosa clínica, o que levou á Asociación Amigos da Pontevedrada a organizar unha xornada solidaria adheríndose á campaña 'Sopra unha candea' da Fundación AXA.
Durante a mañá do domingo na Praza da Ferrería os voluntarios da asociación intentaron convencer aos pontevedreses para sacarse unha foto e compartila nas redes sociais co hastag #soplaunavela, xa que cantas máis instantáneas maior será a achega económica da fundación.
Ademais acompañábase a mesa informativa cunha hucha de recadación para a familia de Tony, posto que o tratamento ao que está sendo sometido é caro e supuxo dificultades económicas.
"Es ayuda que en estos momentos se necesita y esto da mucho ánimo", recoñeceu a súa irmá, Patricia, no posto instalado na Ferrería.
Os Amigos da Pontevedrada acompañaron as súas explicacións cun papel explicando o caso e no que se recollen declaracións da nai de Tony, que pese aos momentos difíciles que viven agárrase ao positivo, porque o seu fillo "chegou aquí baixo mínimos e co tratamento xa non lle dan espasmos", sinala para concluír recoñecendo que "todo vai depender da evolución".
Toda axuda é pouca para apoiar o caso deste pontevedrés e a investigación médica á que irán destinados os fondos da campaña 'Sopra unha candea'.