Carmela Silva, con respecto a Monte Carrasco: "Nin en Pontevedra nin en Vigo nin en Vilagarcía, non aos hospitais privados"
Por Alejandro Espiño
A situación do novo hospital de Vigo "é un escándalo", segundo a presidenta da Deputación. As últimas noticias que se coñeceron, a morte dunha paciente afectada polo aspergillus, desatou a indignación non só entre profesionais médicos e pacientes, senón tamén en ambientes políticos. "Alguén ten que asumir responsabilidades", asegura Carmela Silva, que esixe a Núñez Feijóo que "ten que saír hoxe xa, sen falta, a dar explicacións".
Carmela Silva entende que o está a acontecer arredor do novo hospital é "insostible", xa que apuntou que é "vergonzoso" que, ademais de custar máis do previsto, dende a súa apertura, se localizasen fugas de auga ou roedores, se desprendan os teitos, que non exista un laboratorio central, que non haxa alternativa a un aparcadoiro de pagamento, que careza de "servizos básicos" ou que non exista "instrumental básico" de atención aos pacientes.
Por todo iso, cualificou mesmo de "tercermundista" a situación do hospital vigués algo que non pode acontecer, dixo, "nun país como España na que a sanidade era un modelo para o mundo". Pero o máis grave para a presidenta da deputación pontevedresa é que os pacientes "estean a sentir que ese hospital non é seguro e que nun lugar non que vas a que te curen, a xente tema que vaia a poñer a súa vida en risco".
"Hai alarma, hai indignación, hai enfado. É unha tomadura de pelo", reiterou Carmela Silva, que fixo un chamamento para que todos os pontevedreses "estean afectados directamente ou non por esta privatización" acudan á manifestación prevista en Vigo para este xoves para defender a sanidade pública "porque o que está en xogo é un concepto de sanidade seguro, segura, de calidade e universal, algo moi serio".
Neste sentido, a dirixente socialista acusou ao PP de ser "cómplice de converter a sanidade nun negocio", algo que na súa opinión "lle vai a traer un enorme custo" porque en toda España "miran con incredulidade o que está a pasar en Vigo".
Trátase, dixo, do "fracaso" dun modelo de sanidade que introduce a xestión privada nos seus hospitais, o mesmo que a Xunta planea para o hospital de Monte Carrasco. Por iso, Carmela Silva aproveitou para reiterar a súa oposición a este proxecto porque "non se pode privatizar a sanidade en ningún lugar". A presidenta concluíu afirmando que "nin en Pontevedra, nin en Vigo nin Vilagarcía, non aos hospitais privados, non ao negocio coa sanidade".
Relacionadas:
-
Carmela Silva, sobre os novos orzamentos: "Acabáronse os repartos por simpatía, afiliación ou intereses electorais"
Por Redacción |
-
O conflito do Hospital Álvaro Cunqueiro repercute negativamente nos pacientes de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Marea Branca confía en que Monte Carrasco "non irá arriba" ante o "fracaso" do hospital de Vigo
Por Redacción |
-
A ampliación do Hospital do Salnés evoluciona segundo os prazos previstos
Por Redacción |
-
Critican a "nefasta xestión" da dirección do CHOP ante as altas temperaturas que están a soportar os pacientes do Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez |