Corenta nenos pontevedreses participan no campamento urbano de Cruz Vermella
Por Redacción
Dende este luns 24 de agosto, e durante toda a semana, ao redor de 40 nenos de Pontevedra participarán nunha nova edición do campamento urbano de Cruz Vermella Xuventude en Pontevedra, que se celebrará en horario de 09.30 a 13.30 horas.
Os participantes son nenos de entre 8 e 13 anos de Pontevedra e estarán acompañados por un equipo de 12 voluntarios de Cruz Vermella Xuventude. Durante cinco día, e de forma gratuíta, terán a oportunidade de realizar divertidas actividades encamiñadas a ofrecer diversión á vez que traballan contidos educativos de educación en valores.
Baixo o lema 'A volta ao mundo co meu equipo', fomentarase unha visión global do mundo e as súas culturas, potenciando o respecto e axuda mutua, a solidariedade e o traballo en equipo.
Este luns, primeiro día, pasarano na sede de Cruz Vermella con xogos de presentación e contacto para a continuación realizar unha ginkana multicultural. O martes e xoves visitarán a praia fluvial para realizar xogos cooperativos e darse un mergullo. O mércores realizarán unha saída cultural e distintas actividades de animación. O venres haberá un gran xogo de despedida con desfile e entrega de diplomas.