"El Fandi" e Abellán repiten triunfo no barro ante unha afección entregada, xenerosa e reivindicativa
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Como sucedera o pasado ano, a corrida que pechaba ciclo en San Roque foi unha festa. Unha afección entregada, unha presidencia cun estraño e cambiante criterio á hora de outorgar os trofeos, e uns toureiros con ganas, pero que se encontraron cun encerro de menos calidade nos hastados. Aínda así "El Fandi" repetiu triunfo e número de apéndices, con tres orellas. Tamén abriu a porta grande Miguel Abellán, ao conseguir dúas orellas, aínda que neste caso dunha forma máis que discutible e moi lonxe da súa actuación de hai un ano, mentres "El Cid" cortaba un só apéndice, prexudicado polo sorteo.
Foi como unha especie de "déjà vu", cun pequeno pero transcendental cambio. Repetían "El Fandi" e Miguel Abellán, esta vez acompañados de Manuel Jesús "El Cid", substituto de Francisco Rivera no cartel. Tamén como entón había un inesperado e incómodo protagonista, o barro que cubría os medios da arena, como consecuencia da fina chuvia caída ao longo da tarde.
Pero faltaba a gandaría que un ano atrás ofrecera unha grande tarde de touros. Non estaban os de Santiago Domeq, magníficos no seu xogo. No seu lugar pisaba a area un encerro de Román Sorando que, sen ser malo, estivo a anos luz.
O que tampouco faltou foi as ganas de festa da afección. Unha afección entregada e xenerosa cos toureiros, como adoita selo a de Pontevedra, que mostrou unha vez máis a súa veneración cara a "El Fandi", máis que merecida pola entrega absoluta que sempre pon este toureiro, na mesma medida que fixo posible que Miguel Abellán volvese acompañar ao granadino na súa saída triunfal.
Porque a cousa non foi para tanto, nin de lonxe. Seis orellas cortadas foron demasiadas para o presenciado nesta ocasión, na que ademais houbo accións que teñen pouco que ver coa ortodoxia que se supón debe ter unha corrida e que logo comentaremos.
Esa mesma afección comezou o festexo con aires reivindicativos. Nada máis finalizar o paseíllo, nos tendidos de sol volveu despregarse unha pancarta co lema "Pontevedra Taurina" no medio dunha pechaba ovación secundada polos matadores e as súas cuadrillas dende a arena, ao mesmo tempo que se pedía a recuperación da cuarta corrida, ao berro de "queremos cuatro".
Logo comezou a tarde de touros. Coa area perigosamente mollada nos medios como consecuencia da chuvia, o que provocou esvaróns e pequenos sustos, facendo que mesmo Miguel Abellán optase por tourear descalzo, recibindo no seu segundo touro un pisón que o fixo rematar coxeando a faena visiblemente.
Abría praza o toureiro madrileño. Fíxoo decidido, con ganas, citando o seu inimigo de xeonllos nos medios, onde ligou cinco muletazos de mérito coa dereita, para pechar a serie cun pase de peito. Estivo ben coa dereita, deixando un sensacional redondo invertido. Ao natural a súa faena foi máis xusta, limitada porque ao touro se lle rematara o gas.
Gañárase unha merecida orella. Mesmo as dúas se acertaba co aceiro. Pero non foi así e o que veu a continuación en moitas outras prazas máis esixentes lle tivese valido unha soberana bronca e dende logo a imposibilidade de tocar pelo. Quixo asegurar e meteu o estoque atravesado, facendo asumar a punta polo costado do touro. A orella que recibiu foi tan solicitada por un sector do tendido como protestada polo resto.
Estivo ben "El Cid" no segundo da tarde. Se a súa tempada non está a ser a mellor, o de Salteras quixo aproveitar a oportunidade e reivindicarse. Case o consegue plenamente. Impediuno terlle tocado en sorte o peor lote, especialmente o seu segundo. Luciuse coa capa e realizou unha faena de mérito, dando pausa a un touro con certa clase na acometida pero moi xusto de forzas. Luciu o seu excelente toureo ao natural, cruzándose para citar o seu inimigo e arriscando ante a cara do touro. Matou cunha estocada algo caída pero fulminante, o que en San Roque sempre resulta fundamental. Conseguiu unha orella merecida, con forte petición doutra que nesta ocasión a presidencia, con bo criterio, non concedeu.
E chegou a hora de David Fandila "El Fandi". Toureiro que conecta co tendido como poucos, antes de comezar a lidia do terceiro da tarde a afección xa coreaba o seu nome. Desatou a loucura colectiva coa capa. Larga cambiada, chicuelinas, media de xeonllos, vistoso quite por lopecinas. Ofreceu el só máis repertorio co capote que todos os demais na primeira de feira e nesta mesma.
Seis orellas cortáronse na corrida: Tres para "El Fandi", dúas para Abellán e unha para "El Cid"
Non faltaron no terzo de banderillas os pares á "moviola" e "violín", que deron paso a unha faena que seguiu subindo en intensidade dende o seu comezo, de xeonllos xunto ao estribo. Fixo un labor longo e sentido, citando de lonxe e meténdose no terreo do touro, con bos naturais e vistosos adornos para rematar. Faltoulle culminar co estoque. Deixou unha boa media que non foi suficiente e lle fixo recorrer o descabelo. Curtou unha orella, pero iso custoulle unha segunda, moito máis merecida que a que logo lograría.
O de Abellán no cuarto da tarde ten difícil comprensión. Cortou unha orella concedida de forma incomprensible pola presidencia cando a petición do tendido non era nin moito menos maioritaria. Iso permitiulle abrir a porta grande despois dunha faena atropelada. Se unha das máximas do bo toureo di que hai que "parar, temperar e mandar", Abellán neste o seu segundo touro apenas fixo a última e non sempre.
Non tivo sorte "El Cid" no quinto da tarde, que nesta ocasión si foi malo. Púxolle vontade buscando tamén a segunda orella e o paseo triunfal, pero estrelouse coa falta de forzas e calidade do morlaco, logrando unicamente arrancar pases soltos sen ligazón nin transcendencia. Ao lóxico silencio do tendido tras matar o seu inimigo seguiu unha volta á arena do toureiro, por iniciativa propia, difícil de entender e que, como no caso do "baixón" de Abellán, de facelo nunha praza máis esixente lle tivese custado algún que outro asubío.
Quedaba a guinda para pechar corrida e feira. "El Fandi" saíu a por todas, pero o touro distaba moito do que tivo na súa primeira faena. Aínda así deixou dúas longas cambiadas ao recibilo na area e un bo quite por chicuelinas. Levantou unha vez máis ao tendido nas banderillas e desobedeceu á presidencia, poñendo un cuarto par ao que quitou previamente os arpóns, tras negarlle permiso o presidente, o que lle valeu na mesma medida a amoestación deste e a ovación do tendido.
A afección volve exhibir unha pancarta co lema "Pontevedra Taurina" e pide que se recupere a cuarta corrida
Rematou poñendo da súa parte absolutamente todo, aínda que a súa faena estivo moi por debaixo da anterior, pero como logrou unha estocada que fixo rodar ao touro de forma fulminante, os afeccionados romperon de novo en berros de "Fandi, Fandi," concedéndolle unha orella. O presidente uniuse á festa dándolle a segunda e menos mal que recuperou a cordura a tempo para negarlle a concesión do rabo que moitos pediron dunha forma tan insistente como esaxerada.
FICHA DA CORRIDA:
MIGUEL ABELLÁN: Estocada atravesada e tendida, asumando a punta do estoque polo costado e descabelo ao primeiro intento (Unha orella). Estocada e descabelo ao primeiro intento (Unha orella moi xenerosa). Sae a ombros pola porta grande.
MANUEL JESÚS "EL CID": Estocada algo caída pero fulminante (Unha orella e petición da segunda). Picada, estocada e descabelo ao segundo intento (Silencio con volta á arena por iniciativa do toureiro).
DAVID FANDILA "EL FANDI": Media estocada e descabelo ao primeiro intento (Unha orella tras escoitar un aviso). Estocada fulminante (Dúas orellas e petición de rabo). Sae a ombros pola porta grande.
Algo máis de 4.000 espectadores nos tendidos
Incidencias: Terceira e última corrida do ciclo taurino da Peregrina. Touros de Román Sorando, ben presentados en liñas xerais. Nobres pero de xogo desigual e xustos de forzas. Algo máis de medio aforamento cuberto nos tendidos (Uns 4.000 espectadores). Os afeccionados volveron despregar antes de empezar a corrida unha gran pancarta co lema "Pontevedra Taurina", acollida por unha grande ovación á que se sumaron os matadores e as súas cuadrillas, reclamando tamén a recuperación da cuarta corrida, ao berro de "queremos cuatro".
Relacionadas:
-
A pericia dos recortadores pecha os espectáculos taurinos
Por Redacción |
-
Manuel Jesús "El Cid" substitúe a Francisco Rivera Ordoñez "Paquirri" tras a súa grave collida en Huesca
Por Ramiro Espiño |
-
A xuventude de Leonardo Hernández triunfa onde non poden as figuras consagradas
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Triunfo de "El Juli", grandes detalles taurinos de Morante de la Puebla e nova decepción de Ponce
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Estabas na Praza de Touros na primeira corrida da Feira Taurina? Búscate na nosa galería de fotos
Por Diego Torrado |