A bandeira verde volve lucir na praia da Concha
Por Redacción
A bandeira verde que permite o baño volve estar presente na praia da Concha-Compostela, en Vilagarcía.
As análises realizadas na zona polos técnicos da Consellería de Medio Ambiente desvelan que os niveis de bacteria Escherichia Coli descenderon ata ser case imperceptibles.
Segundo a analítica realizada o pasado venres, e coñecida este mércores, a concentración desta bacteria situábase en 10 NMP/100 ml, moi por debaixo do máximo legal que recolle a lei para permitir o baño de persoas, que se sitúa en 1.500 NPM/100 ml.
Ponse fin así a un episodio de contaminación microbiolóxica que mantivo pechado o areal dende a semana pasada, unha decisión que se comunicará nos taboleiros de anuncios da praia para informar os bañistas do regreso á normalidade.
LIMPEZA DA REDE DE SANEAMENTO
Para evitar na medida do posible que se repita un episodio similar, o Concello de Vilagarcía anunciou unha serie de medidas destinadas a reducir o impacto sobre as praias do municipio.
Ademais de intensificar os controis, púxose en marcha unha limpeza extraordinaria na rede de saneamento da Avenida Rosalía de Castro ao detectarse puntos de obstrución.
A actuación prolongarase durante case dez días e centrarase na canalización comprendida entre Carril e o bombeo da Concha cun custo superior aos 10.000 euros.