A bandeira amarela da praia da Concha Compostela manterase izada por precaución
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía e Augas de Galicia volverán a inspeccionar os bombeos e aliviadoiros da rede de saneamento así como os posibles puntos de verteduras ao longo de toda a franxa de praia entre Carril e A Concha.
O Ccncelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, xunto con persoal municipal e técnicos do organismo autonómico citáronse o venres a pé de praia para detectar posibles emisións de augas residuais ao mar. A efectos preventivos, o Concello manterá izada a bandeira amarela ata coñecer os resultados das últimas mostras tomadas tras detectarse niveis bacteriolóxicos superiores aos permitidos.
A inspección comezará ás 9:30 horas da mañá na zona do Paseo Marítimo situada fronte ao Hotel Carril. Os traballos desenvolveranse aproveitando as horas de maior baixamar, a efectos de poder examinar mellor o litoral. Os servizos municipais inspeccionaron o mércores todos os bombeos da rede de saneamento, sen atopar anomalía algunha.
Aparte do contacto que o Concello está a ter con Augas de Galicia para tratar de resolver os focos contaminantes no litoral, ante a reiteración de verteduras á ría e a gravidade da situación, o Concello volverá a solicitar a celebración dunha entrevista urxente coa conselleira de Medio Ambiente para abordar o asunto.