Marín supera a media galega de doazóns de sangue
Por Redacción
O Concello de Marín, a Irmandade e Doadores de Sangue de Vigo, a Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi) e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) impulsan unha iniciativa que ten como obxectivo promover a participación dos veciños nas campañas de doazón de sangue, e deste xeito garantir o axeitado desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos, que van a precisar ao redor de 40.000 doazóns de sangue nos meses de verán .
As persoas que desexen participar nesta iniciativa, que se desenvolve baixo o lema "Este verán salva vidas. O teu sangue é vida. Compártea", poden acudir á unidade móbil do CTG este luns 3 e martes 4 de agosto na Unidade móbil estacionada nos xardíns da Alameda en horario de 9.30 ás 14.30 e de 15.30 ás 21.00 horas.
Adrovi e a Irmandade de Doadores de Sangue de Vigo instalarán unha mesa informativa nas inmediacións da unidade móbil do CTG no transcurso das dúas xornadas para distribuír información sobre os distintos xeitos de doazón (sangue, órganos, medula ósea...) e sensibilizar á cidadanía da importancia de converterse en doadores.
O Concello de Marín e o CTG amosan o seu agradecemento a todos os veciños que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue e permiten, deste xeito, que moitos enfermos recuperen a súa saúde.
No pasado ano 2014 houbo 1.129 doazóns neste Concello, o que supuxo acadar unha taxa de 45 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que supera a media galega de doazón. O CTG agarda que con esta iniciativa o Concello de Marín poda manter e incrementar os seus índices de doazón no transcurso do presente 2015.