Salcedo celebra a súa festa do orgullo comuneiro
Por Diego Torrado
"O orgullo de ser comuneiro e veciño dunha parroquia rural" foi o nexo de unión dos veciños de Salcedo que este domingo celebraron no campo do Casal a primeira edición da Festa da Veciñanza Comuneira.
O presidente da comunidade de montes de Salcedo, Fernando Pintos, sinalou que esta festa quere "defender os dereitos do seu patrimonio comunal, cheo de elementos culturais, etnográficos e arqueolóxicos, todo nunha xornada de conviviencia e lecer".
A xornada deste domingo arrancou cunha carreira popular polo monte e un partido que enfrontou a un equipo masculino contra outro feminino.
Ademais houbo ocasión de gozar coa recreación de vellas actividades agrícolas vinculadas co monte, e por suposto, unha comida popular.
Tampouco faltaron a música, postos de venda de produtos tradicionais e artesáns.