Catro novas identificadas por ofrecer romeiro a cambio de ler a boaventura
Por Redacción
A Comisaría Provincial segue recibindo queixas e denuncias pola presenza de mulleres que se instalan en distintas rúas da cidade e abordan os viandantes ofrecéndolles os seus servizos a cambio dun donativo. Ofrécenlles podallas de romeiro e ler a boaventura e, ademais de reclamar o donativo, en ocasións acaban furtando as persoas ás que se achegan diñeiro e obxectos persoais.
Esta mesma semana produciuse un novo caso. En concreto, este martes sobre as 12.30 horas da mañá, cando foron identificadas nunha das rúas máis concorridas da zona comercial catro mulleres dedicadas a esta práctica, todas elas orixinarias da zona de Andalucía.
Segundo informou a Policía Nacional, supostamente subtraeran 50 euros a unha muller que fora vítima das súas prácticas. Aproveitando a confusión do momento e o seu facilitade de palabra, presuntamente pedíronlle un donativo e aproveitaron para levarlle diñeiro.
A raíz deste último caso, a Policía Nacional alerta da presenza na cidade de mulleres que realizan este tipo de prácticas e pide aos cidadáns que extremen as precaucións cando as encontren nunha das zonas comerciais da cidade na que adoitan proliferar. Trasladan a poboación que se trata de persoas que só perseguen o lucro persoal e piden que non se atenda ao requirimento de solicitude de donativos a cambio deste tipo de prácticas.
Nun dos últimos casos, dado a coñecer a través de PontevedraViva, a Policía Nacional identificou tres mulleres na rúa Michelena tras recibir as queixas de varias persoas ás que abordaran para pedirlle diñeiro a cambio de sorte con frases como: "Por tu bien, y para que se cumpla lo bueno que te deseo, dame 20 euros".