"Polo teu ben, e para que se cumpra o bo que che desexo, dáme 20 euros"
Por Redacción
A Policía Nacional identificou este venres tres mulleres na rúa Michelena tras recibir as queixas de varias persoas ás que abordaran para pedirlle diñeiro a cambio de sorte. "Polo teu ben, e para que se cumpra o bo que che desexo, dáme 20 euros", foi unha das frases que dixeron ás persoas coas que se ían cruzando pola céntrica rúa pontevedresa.
A escena que desembocou na identificación é xa coñecida nas rúas de Pontevedra. Mulleres de mediana idade que dan o alto a un viandante e empézanlle a ler as liñas da man e a predicirlle un futuro cargado de boa ou mala sorte. Tras esa predición, a habitual é que lle prometan a súa axuda para que teñan un futuro próspero en distintas facetas da vida e, a cambio, lle reclamen diñeiro.
Nesta ocasión, como moitos outros días, déronlle o alto a varias persoas e, como tamén adoita suceder con frecuencia, algunhas acabaron entregándolles billetes de ata 10 e 20 euros. Non obstante, o que cambiou na mañá deste venres é que tres das súas 'vítimas' se xuntaron, compartiron experiencias e decidiron poñer os feitos en coñecemento da Policía Nacional. Unha achegouse ata a Comisaría e relatou o sucedido, de modo que inmediatamente despois unha patrulla se desprazou ata a rúa Michelena e, na confluencia con Guitiérrez Mellado, realizou as identificacións.
Fontes policiais confirmaron que as tres persoas identificadas, todas elas mulleres, non teñen o seu domicilio fixado en Pontevedra, senón no sur de España. Se baralla que se desprazasen temporalmente á cidade para aproveitar o bo tempo e a afluencia de visitantes e de persoas na rúa e aumentar a súa recadación.