Lores e Feijóo cítanse o próximo luns
Por Alejandro Espiño
Luns 27 de xullo, doce da mañá en San Caetano. É a data, hora e lugar na que se fixou a ansiada entrevista entre o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Así o desvelou este venres o rexedor municipal que viaxará a Santiago coa idea clara de "cambiar o tipo de relación" que o goberno autonómico mantén coa Xunta.
Este encontro enmárcase dentro da rolda de encontros que Núñez Feijóo está a manter cos alcaldes das sete grandes cidades despois das últimas eleccións municipais do pasado mes de maio.
Pontevedra, dixo Fernández Lores, é unha capital de provincia "e queremos un trato semellante ás outras cidades, nin mellor nin peor," ao entender que ata agora a Xunta "non foi posible" chegar a acordos "fundamentais" para o municipio.
Á marxe deste cambio de "actitude" que espera do titular do executivo autonómico, o alcalde acode a esta entrevista cunha longa lista de asuntos a discutir. Entre elas, tratará de desbloquear proxectos longamente demandados en Pontevedra como a variante de Alba, a ampliación de Montecelo, o saneamento da ría e o río Gafos ou a firma dun terceiro convenio para completar a rede de rede de sumidoiros do rural.
Ademais, Lores pedirá a Feijóo que comecen as obras dos novos xulgados, tratará de pechar o conflito con Sogama, solicitará que a Xunta mellore a seguridade vial en estradas da súa titularidade e que a Televisión de Galicia (TVG) reabra a delegación na cidade ou, en todo caso, que manteña un "trato ecuánime" con Pontevedra e que igual que recolle as "desgracias" que acontecen na cidade "se fagan eco dos nosos éxitos".
Por último, o alcalde adiantou que solicitará a cesión ao Concello da antiga delegación da Xunta en Benito Corbal. O obxectivo é que se convertan na sede do viveiro de empresas vinculado co Campus Crea da Universidade de Vigo que se ía construír na zona da Barca e que quedou paralizado ao quedar sen a subvención que ía solicitar o INCYDE.
Entende Fernández Lores que, a pesar de encontrarse sen uso e abandonada dende que as dependencias administrativas da Xunta se mudaron a Campolongo, podería utilizarse se se realiza un investimento económico razoable. Acollería este viveiro de empresas e tamén cubriría as necesidades da universidade en materia de investigación. A sala de exposicións e o seu auditorio servirían ademais para outros usos culturais.