Lores pedirá a Núñez Feijóo igualdade de trato para Pontevedra
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra encóntrase á espera da chamada do presidente da Xunta de Galicia para fixar a entrevista que ambos os dous dirixentes manterán nas próximas semanas dentro do calendario que Alberto Núñez Feijóo iniciou este luns 6 de xullo en Santiago de Compostela co rexedor de Vigo, Abel Caballero.
O voceiro do goberno local, Raimundo González, afirmou que Miguel Anxo Fernández Lores aproveitará esa entrevista para reclamar as demandas históricas da cidade: a ampliación de Montecelo, o saneamento da ría de Pontevedra, o colector do río Gafos, a variante de Alba ou o complexo lúdico da Parda.
Pero sobre todo, Fernández Lores pedirá ao presidente da Xuntaigualdade no trato con Pontevedra pedíndolle a normalización das relacións institucionais. Raimundo González apuntou que nos últimos anos, as relacións da Xunta de Galicia co Concello pontevedrés deixaban "moitísimos que desexar".
Neste sentido, o voceiro do equipo de goberno recordou que con outras administracións as relacións son normais e desa colaboración, como sucede co ministerio de Fomento, permiten a realización de diferentes proxectos. "Forzosamente temos que colaborar", sinalou González.