A gala hípica Virxe Peregrina xuntará a máis dun cento de cabalos en Campañó
Por Alejandro Espiño
O hipódromo de Campañó acollerá este domingo 26 de xullo a sétima edición da gala hípica Virxe Peregrina. Trátase dun evento xa consolidado no calendario festivo pontevedrés e que volverá atraer a parroquia a centos de persoas e afeccionados ao mundo equino. Contará, un ano máis, con numerosas actividades paralelas.
Ademais de dar a coñecer un "espazo fermoso", segundo a edil de Deportes, Anxos Riveiro, que foi recuperado grazas ao interese da comunidade de montes e a Asociación Cabalar de Campañó, esta gala hípica busca promover o mundo do cabalo na bisbarra.
Un dos grandes eventos será unha nova ruta a cabalo que partirá do hipódromo ás dez e media da mañá. Trátase dun paseo duns 20 quilómetros que chegará ata Meis, onde haberá un pequeno refrixerio. Á volta, tras pasar pola aba do monte Castrove e Poio, volverá ao recinto deportivo de partida onde terá lugar unha comida de confraternización.
Por agora, xa hai inscritos preto de 180 xinetes. O máis novo ten apenas seis anos e o de máis idade ten 74 anos.
Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, celebrarase unha nova edición do concurso morfolóxico para eguas, poldros e cabalos de raza española e árabe. Espérase a participación de máis dun centenar de animais. A entrada será gratuíta.
Dende a comunidade de montes, José Manuel Fernández como presidente, fixo un chamamento a todos os pontevedreses para que acudan ao hipódromo de Campañó, un espazo ao que queren darlle continuidade e que está aberto, sinalou, "para quen queira dar unha volta a cabalo".