Xinetes de toda Galicia daranse cita o domingo na VIII Gala Hípica de Campañó
Por Redacción
A Gala Hípica Virxe Peregrina de Campañó alcanza este domingo 31 a súa oitava edición fortalecida e coa convicción de que volverá reunir nesta parroquia pontevedresa a xinetes chegados de toda Galicia. Se se cumpren as previsións dos organizadores en base ás anteriores edicións, un centenar de cabalos participará na ruta polo monte Castrove pola mañá e entre 60 e 70 competirán no Concurso Morfolóxico de Cabalos pola tarde.
A festa equina comenzatrá xa pola mañá. Ás 10.30 horas sairá do hipódromo de Campañó a ruta cabalar que percorrerá entre 25 e 26 quilómetros ao longo da mañá. Sairán pola ladeira do Castrove cara ao monte de Barro-Meis e incluirá unha merenda por invitación da organización para que os cabalos teñan un descanso. O regreso será, de novo, polo outro lado do Castrove, a condición de que o tempo o permita, pois xa se baralla acurtar o percorrido no caso de que faga demasiada calor.
Tras unha comida na contorna do hipódromo, pola tarde chegará a quenda do Concurso Morfolóxico de Cabalos, que ten categoría rexional, a partir das 16.30 horas. En nome da organización, Manolo Ruibal explicou que ás 17.00 horas a competición empezará cos cabalos de pura raza árabe e a partir das 18.30 ou 19.00 horas será a quenda da pura raza española.
O concurso contará este ano coa presenza dun xuíz internacional, o andaluz Mario Palomino, que non adoita participar en concursos rexionais e a Galicia tan só se despraza para o concurso internacional de Silleda, pero si estará en Campañó polo seu forte vínculo coa organización.
En nome da comunidade de montes de Campañó, o seu presidente, José María Domínguez, destacou o éxito das anteriores edicións da Gala, que "cada ano vai a mellor" e "ten mellores cabalos e máis participantes".
A Gala Hípica Virxe Peregrina de Campañó conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e este mércores presentouse no Consistorio coa participación da concelleira da parroquia, Pilar Comesaña. En agradecemento, Manolo Ruibal agasallouna cunha réplica dun dos trofeos que se entregarán o domingo e que, como non podía ser doutra forma, ten a forma dun cabalo.
Relacionadas:
-
Xinetes de Galicia e Portugal competirán na X Gala Hípica de Campañó
Por Redacción |
-
Luz verde á Senda Cabalar do Lérez
Por Redacción |
-
Domingo de hípica en Campañó
Por Diego Torrado |
-
A gala hípica Virxe Peregrina xuntará a máis dun cento de cabalos en Campañó
Por Alejandro Espiño |
-
Arredor dun cento de cabalos exhibiranse na V Gala hípica de Campañó
Por Redacción |