Sesenta alumnos cegos de España, Italia e Portugal aprenden inglés en Pontevedra
Por Redacción
Un total de 60 nenos cegos chegados dende distintos puntos de España, Italia e Portugal danse cita dende finais de xuño e ata principios de agosto en Pontevedra. Participan nos cursos intensivos de perfeccionamento de inglés que se imparten, como cada verán, no Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE.
Os alumnos participantes son cegos ou con discapacidade visual grave e idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos. Separados en grupos de vinte alumnos permanecen unha quincena no centro recibindo clases, sobre todo prácticas, impartidas por profesorado especializado da academia Waterford de Pontevedra.
Segundo informou a ONCE, neste momento xa se encontra no CRE a segunda quenda de nenos e a punto de chegar a terceira, que finalizará o 7 de agosto. Nestes dous grupos de vinte alumnos 15 son españois e os outros cinco son catro italianos (dous nenos e dúas nenas) e unha nena portuguesa.
Paralelamente á actividade académica, participan en actividades culturais e deportivas. Este ano, como novidade, os alumnos de todos os grupos, poden participar nunha xornada de iniciación ao surf. Este sábado, vinte estudantes pasarán a mañá na praia da Lanzada, onde asistirán a unha xornada de iniciación ao surf, impartida por técnicos da escola Mission Surf.