Un grupo de 29 nenos participan nos primeiros cursos de verán da ONCE en Pontevedra
Por Redacción
Un total de 29 alumnos con cegueira e/ou con discapacidade visual grave procedentes de Asturias e de Galicia participan nos cursos complementarios para estudantes que se están a celebrar dende este luns e ata o próximo sábado 29 de xuño no Centro de Recursos Educativos, CRE, da ONCE de Pontevedra. Todos os alumnos pertencen ao primeiro e segundo ciclos de ensino primario.
Os cursos desenvólvense en réxime de internado nas instalacións de Campolongo.
Como ven sendo habitual, os cursos que imparte o centro pontevedrés abranguen un amplo abano temático. Todos teñen por obxectivo completar o currículo ou reforzar aquelas materias que teñen unha aprendizaxe máis esforzado para os estudantes cegos no réxime docente ordinario.
Entre os cursos programados hai os que incentivan o cultivo dos recursos persoais (Experiencias Hápticas, Habilidades de Comunicación), outros relacionados coa informática (Iniciación á Informática, Word-Quickbraille, Redes sociais educativas), varios que teñen o braille como eixe central (Braille plástica, Signografía musical, Signografía matemática ), así como un de fomento da lectura.
Os cursos celébranse en horario de mañá e tarde, ata as 18 horas. Fora dese horario, os alumnos participan en diversas actividades lúdicas, deportivas e culturais programadas dende o centro.
No mes de setembro o CRE volverá celebrar cursos SECC e, como é tradicional durante os meses de xullo e agosto, acollerá os cursos de inglés para nenos e mozos cegos e/ou con discapacidade visual grave.
Relacionadas:
-
Sesenta alumnos cegos de España, Italia e Portugal aprenden inglés en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Once non só reparte premios, en Pontevedra tamén os gaña
Por Redacción |
-
Xogos e xoguetes para nenos cegos e con discapacidade visual
Por Redacción |
-
O Concello e a ONCE aparcan "ata mellores tempos" o convenio urbanístico do 2009
Por Oskar Viéitez |