Os socialistas instan o Concello a iniciar os trámites para unha consulta popular sobre ENCE
Por Redacción
O grupo municipal socialista en Pontevedra pedirá diante do Pleno da corporación que o Concello inicie "con carácter inmediato" os trámites para a realización dunha consulta popular sobre a situación e cualificación urbanística dos terreos das marismas de Lourizán, nos que está instalada a empresa Grupo Empresarial ENCE.
O PSdeG quere que se lle faga aos pontevedreses a seguinte pregunta: "¿Considera adecuado que no futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal os terreos que na actualidade ocupa ENCE nas marismas de Lourizán teñan a consideración de solo industrial, facilitando así a permanencia da empresa na ría de Pontevedra?".
Esta consulta, que os socialistas levaban no seu programa electoral, cobra especial importancia ante a resolución do Ministerio de Medio Ambiente que non ve necesario incoar o expediente de caducidade da concesión á empresa, como así determinaba o Tribunal Supremo. ENCE, segundo Agustín Fernández, é unha cuestión que "define o futuro da cidade" xa que entende que "non hai modelo urbano posible" se non se resolve a saída da empresa de Lourizán.
Neste sentido, Fernández cualificou de "servil" á empresa a postura do PP e de "excesivamente pasiva" a do BNG. Fronte a eles, o voceiro socialista insistiu en que seu partido cre que ENCE tense que ir da ría de Pontevedra no ano 2018, pero recoñece que para iso "hai que ver que pasa cos traballadores e que facemos cos terreos", algo que, criticou, "non está na axenda do goberno municipal". De aí que insistira en que o alcalde lidere todas estas xestións. "Ten que moverse e falar con quen teña que falar", reiterou.
Dende o punto de vista dos socialistas, a pretensión da empresa e do PP de que o complexo se "eternice" en Lourizán é un "erro" urbanístico e medioambiental que terá "graves repercusións" para Pontevedra e a súa comarca. Para acadar ese obxectivo consideran que é "necesario" que todas as administracións se senten a traballar de inmediato co horizonte en xullo de 2018.
A este respecto, Agustín Fernández considera que esta consulta, ademais de dar voz aos pontevedreses neste asunto e que teñan unha "participación directa" na solución desta problemática, desde o punto de vista político podería cambiar o futuro da empresa en Lourizán. O portavoz do PSdeG-PSOE insiste en que defender unha postura ou outra "non será o mesmo" se os pontevedreses se pronuncian "claramente" sobre a continuidade de ENCE na súa actual ubicación máis aló de 2018.
Agustín Fernández recoñece que será unha tramitación "complicada", xa que trala hipotética aprobación no Pleno, esta proposta de consulta deberá ser elevada ante o Consello da Xunta e se este dá o visto bo, tamén deberá informar positivamente o Goberno do Estado.
Relacionadas:
-
O PSOE queda só na súa proposta de consulta popular sobre a continuidade de ENCE
Por Redacción |
-
Un informe municipal avala a legalidade da consulta popular sobre ENCE proposta polo PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández quere que Lores explique as medidas que se adoptarán cando ENCE remate a concesión en 2018
Por Redacción |
-
Man tendida do PP ao resto da oposición para crear unha fronte "propositiva" contra o BNG
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local dubida da legalidade da consulta popular sobre ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR alega contra o informe de Costas sobre a caducidade parcial da concesión de ENCE
Por Daniel Santomé & Natalia Puga |
-
Mosquera fía a un cambio de goberno en Madrid a "única esperanza" de frear a ENCE
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Encontro dixital con Antonio Casal, director do centro de operacións de ENCE: "La única alternativa a la continuidad es el cierre"
Por Redacción | Creada e actualizada