A APDR alega contra o informe de Costas sobre a caducidade parcial da concesión de ENCE
Por Daniel Santomé & Natalia Puga
A Asociación pola Defensa da Ria (APDR) formalizou este sábado as súas alegacións contra o último informe da Dirección Xeral de Costas que propón declarar a caducidade parcial da concesión da empresa ENCE en Lourizán e abre a porta a que a pasteira poida pedir unha prórroga que lle permita manter a súa actividade fabril mentres se ten que rematar a actividade da EDAR de Lourizán, ao emisario submarino e o campo de fútbol de Praceres.
O presidente da APDR, Antón Masa, anunciouno este sábado xusto antes de que partise da Alameda de Pontevedra a 28 Marcha contra Ence. A cita, menos concorrida que en anteriores ocasións, mantén o seu ton reivindicativo contra a permanencia da pasteira máis alá de 2018 e este ano serviu para anunciar estas alegacións e criticar que o informe de Costas é "unha falta de respecto" cara aos colectivos alegantes. No caso da APDR só responde a unha das cuetiones formuladas e "deixa de recoller dez folios de alegacións".
A marcha, convocada ás 19.30 horas co obxectivo de realizar saídas simultáneas dende as alamedas de Pontevedra e Marín, partiu finalmente sobre as 20.10 horas ao ir chegando os participantes de forma progresiva e lenta. De feito, cando a cabeza da protesta saíu en dirección a Lourizán apenas varios centenares de persoas seguían a pancarta, unha cifra moi afastada aos varios miles de manifestantes que se xuntaron en anos pasados.
As altas temperaturas deste sábado e a coincidencia con citas deportivas como o Campionato de Triatlón minguaron a asistencia de cidadáns á tradición Marcha contra Ence, se ben cando as columnas de Marín e Pontevedra confluíron diante da pasteira en Lourizán se xuntaran algúns centos de persoas máis.
Xa ante a factoría, a APDR leu un comunicado reivindicativo no que o colectivo pedíu aos presentes "que non deixemos que nos enganen" ante los últimos anuncios realizados pola propia Dirección de Ence e o PP. "Agora, logo de 50 anos de destrución e desarranxo ambiental, ENCE ofrécenos o paraíso a cambio da permanencia en Lourizán máis alá do 2018; milleiros de postos de traballo, eliminación de cheiros e molestias, devolución da auga roubada ao Lérez, pago dos impostos en Pontevedra, fin da contaminación da Ría, creación de riqueza e benestar... Pero xa é demasiado tarde e xa ninguén na comarca cre as mentiras dos directivos da fábrica de pasta de papel", indicaron.
A marcha estivo secundada por varias ducias de colectivos sociais e ecoloxistas e, a nivel político, contou cunha ampla representación de concelleiros do BNG -así como o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o voceiro nacional dos nacionalistas, Xabier Vence- e de militantes de Marea Pontevedra, que acudiron cunha pancarta propia e vestidos con camisetas da plataforma Salvemos a Fracha, constituída contra o proxecto de construción da autovía A-57 pola serra da Fracha.
Relacionadas:
-
A APDR presenta o recurso de reposición contra a resolución de Costas sobre Ence
Por Redacción |
-
Costas responderá ás alegacións de Defensa da Ría sobre a contaminación ambiental de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas instan o Concello a iniciar os trámites para unha consulta popular sobre ENCE
Por Redacción |
-
A APDR teme que o Campionato de Triatlon e a calor resten asistencia á marcha contra Ence
Por Anxo Lourido |
-
Defensa da Ría de Pontevedra afirma que nas últimas eleccións gañou o "Non a Celulosas"
Por Redacción |
-
Núñez Feijóo asegura que ENCE en Pontevedra é "como Citroen en Vigo ou Inditex na Coruña"
Por Redacción |