3, 2, 1 ... chegaron as vacacións de verán
Por Redacción
Os colexios botaron o peche (polo menos para os alumnos) ata o mes de setembro. As vacacións de verán están aquí. O 'momentazo' merece ser celebrado ao grande e así fixérono os pontevedreses que este venres se achegaron á gran festa Fin do Cole celebrada no casco histórico de Pontevedra.
A festa, que repetiu o éxito de anteriores edicións, encheu de diversión as zonas máis emblemáticas do casco histórico a partir das 16.30 horas e, para poñer o broche final á celebración, celebrou a tradicional festa da escuma na praza da Pedreira, que estivo animada por un DJ.
Os organizadores, o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, instalaron un rocódromo e xogos tradicións na praza Curros Enríquez e os inchables 'Crocodilo' e 'Táboa de Surf' en Valentín García Escudero. Na praza Méndez Núñez a diversión veu da man dunha ludoteca, un taller, o inchable 'saloon de vaqueiros' e unha sesión de cuentacuentos mentres que na rúa Sierra os nenos puideron gozar dun circuíto Scooter, tiro con arco e xogos de puntaría.