A Zona Monumental celebra a súa festa de fin de cole
Por Redacción
Termina o curso escolar, empeza o verán e, como cada ano, chega unha cita xa tradicional no centro histórico de Pontevedra: a festa de Fin do Cole do Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Durante toda a tarde deste venres, encheu as rúas da zona vella de Pontevedra de nenos e diversión.
Para conmemorar tan sinalada data, Zona Monumental instalou inchables por algunhas das zonas máis emblemáticas do centro histórico, as prazas de Curros Enríquez, Méndez Nuñez e Valentín García Escudero e a rúa Serra.
Houbo colas para subir ao rocódromo con escalada de oito metros e os nenos non paraban de subir aos inchables 'Saloon' e 'Crocodilo'. Non menos concorridos foron os xogos tradicionais, a ludoteca e os obradoiros organizados.
Un circuíto de pump track, actividades de tiro con arco, unha actividade con táboa de surf e o touro mecánico completaron a oferta de actividades para os nenos e o momento estrela da tarde chegou a partir das 19.00 horas na praza da Pedreira coa habitual festa da escuma, na que a banda sonora púxoa un DJ.