Pontevedra, Marín e Bueu "aman" os seus mercados
Por Oskar Viéitez
"Love your local market" ou "quere ao teu mercado local" é o lema elixido para celebrar un evento internacional para poñer en valor as prazas de abastos e ao que se uniron as localidades de Pontevedra, Marín e Bueu, entre as máis de medio centenar de prazas de toda Galicia.
A Xunta e as concellarías do ramo participan nesta celebración con distintas accións promocionais.
A data elixida é o próximo 30 de maio, o Día do Mercado, e en Pontevedra ademais das administracións participa a Asociación 4Ponlas, formada por un grupo considerable de produtores locais e artesáns de horta ecolóxica.
Este colectivo quere apoiar esta iniciativa para darse a coñecer ademais de reforzar a relación fluída que manteñen coas praceiras.
Por este motivo, a Asociación 4Ponlas programou unha serie de actos que se desenvolverán entre o 4 e o 6 de xuño, entre outras ideas, inclúen encontros de Consumo Responsable na Praza de Abastos.