Para consumo responsable, A Pedreira
Por Redacción
A praza da Pedreira estase a consolidar como un referente no comercio xusto e na venda de produtos orgánicos. A asociación 4Ponlas celebrou nela, este sábado, o terceiro encontro de consumo responsable de Pontevedra. Baixo o lema ‘O futuro é local’, media ducia de produtores locais ofreceron aos pontevedreses a oportunidade de apostar por un consumo consciente e sustentable.
Xente chegada de toda a comarca ofertaron produtos ecolóxicos das súas hortas ou elaborados de forma artesanal, directamente ao consumidor e sen máis intermediarios.
Así, os clientes podían atopar, entre outras cousas, todo tipo de produtos agrarios, queixos, pan elaborado de xeito orgánico, roupa de segunda man, cosméticos ou mesmo cervexa artesanal galega.
Trátase dunha experiencia que se repite cada quince días -o primeiro e terceiro sábado de cada mes- e que inclúe tamén diferentes actividades paralelas.
Desta volta, houbo música en directo a cargo do grupo folk Os Napolitanos, un obradoiro de cociña de verán para nenos e maiores ou un debate sobre a lei de Costas e o seu impacto ambiental nas rías, a cargo da Asociación pola Defensa da Ría.
La asociación 4Ponlas agarda que este mercado se consolide na cidade e vaia atraendo, semana a semana, cada vez máis produtores locais.