O PSdeG-PSOE sospeita que a Xunta pretende consolidar ENCE na Ría de Pontevedra
Por Redacción
A parlamentaria do PSdeG-PSOE, Patricia Vilán, ven de presentar unha pregunta ao Goberno para clarexar se o concurso para a mellora da imaxe de ENCE estaría relacionado coa intención da Xunta de informar positivamente o informe de impacto ambiental ao que se refire o proxecto de reforma da Lei de Costas.
Segundo a iniciativa asinada pola deputada socialista, o Goberno do Partido Popular en Madrid introduciu nas cortes un proxecto de modificación da Lei de Costas que consolida, "con absoluto descaro", a radicación desta planta na ría de Pontevedra e na súa actual ubicación, abrindo a posibilidade de que a mencionada consolidación poida alcanzar os 75 anos.
Os socialistas entenden que a convocatoria dun concurso internacional para mellorar a imaxe da fábrica, cuxas bases están colgadas na páxina web, "parece significar a pretensión de mantemento da planta na ría de Pontevedra" sen variar a súa situación xeográfica.
A parlamentaria pontevedresa acusa aos populares de querer obviar a transacción acordada por unanimidade da Cámara galega coa fin de retomar as conversas coa empresa para atopar unha nova situación respectuosa co medio ambiente, fóra da ría de Pontevedra, para desenvolver a súa actividade industrial.