Coidadores de educación infantil aprenden a intervir nun caso de reanimación cardiopulmonar
Por Redacción
Varios profesionais do servizo de Urxencias dos Hospitais de Pontevedra e O Salnés impartiron este mércores 20 un curso de reanimación cardiopulmonar para pacientes infantís na escola Bicos da cidade.
Trátase dunha actividade asistencial formativa, dirixida aos coidadores da escola infantil, que se enmarca nunha estratexia para efectuar unha reanimación cardiopulmonar (RCP) de forma correcta. Segundo informan dende o Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) existe unha previsión para facela extensiva no futuro aos propios pais dos nenos coa idea de que saiban detectar unha parada cardiorespiratoria e como deben actuar ante esta situación.
Segundo sinala o xefe do servizo de Urxencias do CHOP e presidente en Galicia da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias (SEMES Galicia) Manuel Vázquez Lima, que acudiu á inauguración do curso, a mortalidade reduciríase nun 20% se a poboación estivese adestrada nestas técnicas de reanimación.