Os MIR pontevedreses aprenden a actuar ante unha parada cardiorrespiratoria
Por Redacción
Os facultativos internos residentes -MIR- de primeiro ano que se forman na área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés están a aprender durante a presente semana a actuar cando se atopan ante pacientes en situación de parada cardiorrespiratoria.
Están a recibir un Curso de Reanimación Cardiopulmonar Avanzada que imparten no Hospital Montecelo facultativos da unidade de coidados intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, coordinados polo doutor José Luís Martínez Melgar e pola Comisión de Docencia do CHOP.
Esta actividade docente conta co aval do Plan Nacional de Reanimación Cardiopulmonar e a Sociedade Española de Medicina Intensiva, Críticos e Unidades Coronarias (Semicyuc) e a European Resucitation Council (ERC), e inclúe clases teórico-prácticas.
A acción formativa comezou na tarde deste luns 24 de novembro e está a analizar protocolos de actuación e cadros patolóxicos que presentan os pacientes en diversas situacións críticas. Ademais, está a efectuar ao longo desta semana numerosas simulacións prácticas interactivas, que analizan as atencións iniciais a pacientes con patoloxías respiratorias críticas (pneumotórax, obstrucións da vía aérea superior, atoramentos, asfixias e outras doenzas agudas).
O programa do curso incide no estudo e aplicación interactiva por parte dos facultativos internos residentes doutros protocolos asistenciais efectuados a pacientes con síndromes coronarios agudos.
Esta actividade docente rematará o vindeiro venres no hospital Montecelo, cunha avaliación global teórica e práctica polos facultativos docentes, que se complementará coa execución de novas simulacións de casos efectuadas polos médicos internos residentes, nas que se supervisará a eficacia e calidade das técnicas aplicadas.