ENCE volve tirar de datos para situarse como líder en Europa en respeto ao medio ambiente
Por Redacción
A fábrica de pasta de papel Ence volveu tirar de datos este domingo para reivindicarse como líder a nivel da Unión Europea no seu sector de actividade en canto ao respeto ao medio ambiente dende a fábrica de Lourizán.
A empresa informou a través dun comunicado de que a actualización da comparación entre o efluente líquido de Ence Pontevedra e os do resto das fábricas do seu sector en Europa permítelle manter o liderado, atendendo á sostibilidade.
Segundo explica, a comparación realizouse atendendo ao indicador máis importante a ter en conta á hora de analizar un efluente líquido: a Demanda Química de Osíxeno (DQO). A normativa europea permite que a DQO do efluente deste tipo de fábricas sexa de ata 20 quilogramos por tonelada e a fábrica de Lourizán está en 4.47.
No mapa europeo das fábricas de celulosa, tan só unha factoría finlandesa e a fábrica de Ence en Navia (Asturias) se achegan en materia da DQO do seu efluente a Ence Pontevedra. Os datos da factoría asturiana, cuxa planta depuradora foi ampliada e modernizada en 2013, foron omitidos neste estudo porque serán presentados proximamente en Navia. Pero manteñen niveis moi próximos aos obtidos en Pontevedra.
Ademais, dende a empresa insisten na súa aposta pola transparencia nun sector que non é moi partidario desta práctica. Aseguran que Ence está entre o reducido número de empresas que publican en internet os datos de cada unha das súas fábricas. Algunhas empresas só publican nas súas páxinas web datos agregados e outras non fan públicos os seus indicadores ambientais, de aí que no actual estudo falten algunhas fábricas que estaban no anterior.
Ence publica diariamente os seus indicadores ambientais en www.encepontevedra.com.