ENCE presume de ser a primeira gran industria en Galicia que se autoabastece só con enerxía renovable
Por Redacción
O Grupo Ence ven de anunciar que a súa fábrica en Lourizán é xa a primeira grande instalación industrial de Galicia capaz de funcionar empregando, unicamente, a enerxía renovable que xera a partir de biomasa e da valorización doutros restos forestais procedentes do proceso de produción de pasta de celulosa.
Segundo informan a través dun comunicado, durante a recente parada técnica anual da factoría comezou a executarse un plan que permitiu incrementar practicamente nun 5% a capacidade de xeración de enerxía 'verde' da fábrica. Para a súa produción empregan máis de 650 toneladas de biomasa retiradas dos montes galegos.
Ata finais do pasado mes de marzo, a factoría de Lourizán estaba moi preto de ser autosuficiente en materia enerxética. Nos últimos anos viñéranse desenvolvendo plans tanto para a redución do consumo coma para o incremento da produción. Un proxecto desenvolvido pola Dirección de Enxeñaría en colaboración coa área de Enerxía e Recuperación permitiu alcanzar á fin o equilibrio entre o consumo da factoría e a súa capacidade de xeración. A proposta pasaba por realizar adecuacións técnicas e procedementais para obter unha maior eficiencia na valorización do vapor de auga empregado pola factoría. Ou o que é o mesmo: conseguir xerar máis enerxía a partir do mesmo volume de vapor.
Ence produce enerxía na súa fábrica de Pontevedra empregando biomasa e outros residuos de orixe forestal. Neste último capítulo, un dos principais é a lignina. Este material, que é un dos tres compoñentes básicos da madeira -os outros dous son a celulosa e a auga-, non é empregado para a produción de pasta de papel. E é, precisamente, o que lle dá á madeira a súa capacidade calorífica.
Ademais, o proceso de depuración de Ence permite obter biolodos a partir do efluente líquido resultante do proceso de produción de pasta. Estes biolodos, compostos por elementos de orixe vexetal, son tamén empregados para a produción de enerxía.